O aviso amarelo por altas temperaturas deixa máximas de 36 graos en varios concellos da conca do Miño
A conca do Miño volveu estar hoxe en aviso amarelo polas elevadas temperaturas, especialmente na provincia de Ourense, onde se rexistraron as máximas de Galicia.
Cómpre unha boa dose de crema solar para camiñar pola beira do Miño. "Aquí non se aguanta. Haberá 35 ou 40 graos". "Sempre dicimos que en Galicia despois do 15 de agosto vén o frío, pero este ano vén a calor aínda", comentan dúas persoas no encoro de Castrelo.
Todos os concellos da provincia de Ourense bañados polas augas do Miño, e varios de Pontevedra, coma Arbo, Salvaterra ou Salceda de Caselas, subiron dos 36 graos ao longo da tarde. "Insorportable. O que apetece é tirarse á auga. É un dos días máis calorosos". "Acostumados á temperatura da Coruña, ás veces agradécese un pouco de calor", din dúas mulleres.
Temperaturas axeitadas para un refrescante baño, para practicar algún deporte acuático ou, cando menos, para buscar o amparo dalgunha sombra. "Vai moita, moita calor, e agradécese a auga. Por dentro hai auga fría e quente, un pouco de corrente, pero está boa", comenta un bañista.
Nesta escalada do mercurio o record bateuno finalmente, unha vez máis, a cidade de Ourense, que rexistrou a máxima de Galicia: 37,1, 20 graos máis dos que houbo pola noite. "Dórmese moi ben. Como baixa a temperatura pola noite, está moi agradable. Logo, de día, si que vai calor". "Hai que aproveitar, que é o queda de verán", din dúas mulleres.
Podemos aproveitar o mércores, tamén, que volve haber aviso por calor na conca ourensá do Miño.