CRTVG

Buscar

Falecen cinco persoas por covid-19 nunha xornada con 718 novos contaxios

Publicado o 10/01/2021 20:53

• Aumenta a presión asistencial en Galicia | Soben os casos activos en máis de 400 

 En Santiago son máis dun cento os ingresados con covid−19

Sanidade informa do falecemento nas últimas horas en Galicia de cinco  persoas con covid-19: dous homes de 85 e de 61 anos ingresados no Hospital de Santiago, un home de 80 no comarcal da Mariña, outro home de 72 anos en Ourense e mais outro de 74 que estaba hospitalizado en Pontevedra. A cifra de falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia é así de 1.450 persoas.

A pandemia do coronavirus non marca máximos este domingo, como fixo o sábado, pero segue imparable en Galicia.

Os datos do Sergas reflicten a situación con outros 718 novos contaxios, dos que 661 tiveron diagnóstico con PCR. Realizouse un número do probas PCR lixeiramente superior respecto á xornada anterior. A positividade dos tests baixa catro décimas e queda no 7,53 por cento fronte ao 7,95 por cento do sábado.

Os casos activos experimentan outra suba e aproxímanse aos 8.000: son 7.795 coa enfermidade, 403 máis ca a véspera. Increméntase a presión hospitalaria en planta, con 360 persoas ingresadas (+18), pero baixan os pacientes nas UCI, con 61 (-2).

Os contaxios diagnosticados con PCR tamén se reducen a 661 (-137).

Situación por áreas sanitarias

A incidencia da pandemia crece con máis casos activos e positivos diagnosticados con PCR na Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense. Os incrementos máis importantes sobre as xornadas anteriores son en Ourense (+91), Lugo (+52) e Ferrol (+54).

En Lugo ingresaron nas últimas horas dúas persoas nas UCI. En Pontevedra hai máis casos activos que a xornada anterior, pero baixan os positivos diarios, o mesmo que sucede en Vigo. En Santiago redúcense os contaxios diarios e os casos activos (-8) por primeira vez esta semana.