CRTVG

Buscar

"O autotest é moi útil pola facilidade e rapidez, pero non vale para avalar o resultado”

Publicado o 23/07/2021 17:25

Moitas farmacias esgotan os test de antíxenos sen receita ao pouco de empezar a vendelos

Dende este xoves pódense vender nas farmacias os autotests de covid−19 sen receita. "É unha proba moi útil pola súa facilidade e pola súa rapidez de resultado, pero non acredita ese resultado", explica Daniel Álvarez nunha farmacia de Santiago de Compostela.

"Para estar tranquilos, para acudir a unha xuntanza familiar, algo que non requira unha proba a maiores", ese sería o principal obxectivo destes autotests, di este farmacéutico.

Nas boticas tamén teñen dispoñibles as probas de saliva para o cribado do Sergas. "Para iso o que ten que facer o paciente é acudir coa súa tarxeta sanitaria e levar o tubo e traelo de volta cunha mostra de primeira hora da mañá", explica Daniel. "Hai moita xente que cre que ao ser unha proba do Sergas, isto acredita para acudir ao ocio nocturno ou calquera outra actividade. Pero a demora na chegada dos resultados fai que non sexa útil porque pode cumprir que sexa das últimas 72 horas".

"Dende hai un par de semanas expedimos o certificado de vacinación. É valido para todo o territorio europeo", explican na farmacia. "E hai o certificado de recuperación. Acredita que pasou o coronavirus entre 11 e 180 días", di Daniel.

"O ideal sería que nós puidésemos acreditar que quen fixo o autotest o fixo ben", cre este farmacéutico, quen pensa que sería moi útil para a recuperación da actividade.

 

Noticias web

23/07/2021