CRTVG

Buscar

O autor do roubo do Códice Calixtino queda en liberdade por razóns médicas

Publicado o 12/09/2019 14:28
O autor do roubo do Códice Calixtino queda en liberdade por razóns médicas

Manuel Fernández Castiñeiras, condenado a oito anos e dous meses de prisión polo roubo do Códice  Calixtino na catedral de Santiago de Compostela en 2011, quedou en liberdade por razóns médicas ao padecer unha enfermidade incurable.

A xunta de tratamento do cárcere da Lama (Pontevedra) propuxo que Castiñeiras, duns 70 anos, progresase a un terceiro grao, paso previo á liberdade condicionada, por motivos de saúde despois de que en maio sufrira un derramo cerebral en prisión e ingresara nun hospital de Vigo.

A principios deste mes, a Administración central penal resolveu favorablemente a proposta da prisión da Lama e decidiu aplicarlle o artigo 104.4 do regulamento, que implica a progresión a terceiro grao a reclusos por enfermidade grave ou razóns humanitarias.

O precepto establece que "os penados enfermos moi graves con padecementos incurables, segundo informe médico, con independencia das variables intervenientes no proceso de clasificación, poderán ser clasificados en terceiro grao por razóns humanitarias e de dignidade persoal, atendendo á dificultade para delinquir e o seu escaso perigo".

Segundo as fontes consultadas, a aplicación deste artigo implica a saída de prisión do condenado polo seu grave estado de saúde.

Manuel Fernández Castiñeiras, ex-traballador electricista da catedral compostelá, foi detido en xullo de 2012 despois de que un ano antes os responsables da basílica alertaran da desaparición do  Códice Calixtino, considerado como a primeira guía de peregrinos.

 
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí