CRTVG

Buscar

O autor do ataque mortal con arco e frechas en Noruega é un converso ao islam

Publicado o 14/10/2021 13:37
EFE

O autor do ataque en que este mércores á noite morreron cinco persoas e dúas quedaron feridas en Kongsberg (suroeste de Noruega) é un converso ao islam que figurou nunha lista de persoas con perigo de radicalizarse, informou este xoves a policía.

"A policía estivo en contacto con el anteriormente, había unha preocupación relacionada coa súa radicalización. Pero non rexistramos ningún aviso en 2021", dixo en conferencia de prensa Ole Bredrup Sæverud, comisario do distrito suroeste.

Sæverud resaltou non obstante que a investigación está nunha fase temperá e que levará tempo aclarar os motivos, así que rexeitou asegurar que sexa un atentado terrorista.

O agresor, un danés de 37 anos que residía desde había tempo en Kongsberg, usou máis armas no ataque, e a Policía está "bastante segura" de que actuou só.

Os mortos son catro mulleres e un home con idades comprendidas entre 50 e 70 anos e cuxa identidade aínda non foi feita pública; un dos dous feridos é un policía que se atopaba de día libre.

A policía norueguesa recibiu ás 18:13 hora local un aviso de que un home armado cun arco e frechas se movía polo centro de Kongsberg, e cinco minutos despois varios axentes tiveron contacto con el, pero logrou escapar despois de dispararlles frechas. A detención produciuse ás 18:47, e na acción a policía fixo disparos de advertencia.

"Polo que sabemos ata o de agora, parece claro que o agresor matou a algún, probablemente a todos, despois de ter contacto por primeira vez coa policía", dixo Sæverud, quen pediu que se deixen de difundir por redes sociais vídeos e fotos do ataque.

A fiscal de instrución Ann Irén Svane Mathiassen revelara antes a medios noruegueses que o individuo admitiu os feitos e que "contactou" aos servizos de saúde en varias ocasións no pasado.

Durante a persecución do individuo, na que se mobilizaron helicópteros e corpos policiais especiais, as autoridades pediron aos residentes permanecer na casa despois de constatar que unha persoa fora ferida dun disparo cunha frecha.

A primeira ministra en funcións Erna Solberg cualificou de "horribles" os feitos, termos similares aos usados polo líder opositor, o laborista Jonas Gahr Støre, que hoxe asumirá a xefatura de goberno tras gañar as eleccións xerais hai un mes.

O concello de Kongsberg habilitou un centro de acollida para familiares e afectados e mobilizou un equipo de crise para afrontar a situación. 

Noticias web

14/10/2021