O autor confeso da morte do seu irmán en Oroso, detido á espera de pasar a disposición xudicial
En Sigüeiro continúan aínda conmocionados tras o sucedido onte cando ás 10 da mañá un veciño acudía ao Xulgado de Paz, aínda coa roupa ensanguentada, e confesaba que matara o seu irmán despois de degolalo cunha arma branca. Segundo contou, os dous estaban bébedos e tiveran unha pelexa. El tivo que ser atendido no centro de saúde porque tamén presentaba feridas. Quen o coñecía asegura que era unha persoa tranquila e nada conflitiva.
Despois da confesión, a Garda Civil trasladouse ata a vivenda do detido, onde atoparon o cadáver do seu irmán con sinais de morte violenta. Tras autorizalo o xulgado, o cadáver foi trasladado para practicarlle a autopsia. Ata que chegaron os axentes ningún veciño detectara nada estraño.
O detido foi trasladado dende a Garda Civil de Sigüeiro aos calabozos da Coruña e atópase á espera de pasar a disposición xudicial.