CRTVG

Buscar

Ourense reforza a presenza policial nocturna para evitar 'botellóns' masivos

Publicado o 03/10/2021 16:49

Esta madrugada de chuvia a Televisión de Galicia acompañou a Policía Local de Ourense no dispositivo nocturno que están a realizar desde hai un mes polas rúas da zona histórica da cidade. O principal obxectivo é disuadir a mocidade da celebración de botellóns nas prazas e parques.

O dispositivo nocturno comeza á 1 da mañá. Catro patrullas da Local mais unha da Policía Autonómica percorren as rúas da zona vella cun obxectivo dobre: Evitar os botellóns multitudinarios e controlar os horarios de peche dos locais.

Desde hai mes e medio o Concello de Ourense decidiu incrementar a presenza policial polas noites durante as fins de semana. Aseguran que conseguiron reducir os problemas co consumo do alcol na rúa e tamén o ruído. As imaxes de pelexas e grandes botellóns din que aquí son excepcións.

A noite chuviosa acabou sen incidencias graves. Dúas persoas foron trasladadas en ambulancia por consumo de alcol e outra por unha caída. Despois dalgúns excesos durante o verán, a festa ourensá xa non supón problemas de seguridade cidadá.

Noticias web

03/10/2021