CRTVG

Buscar

O "Audaz" xa está en Lampedusa e seis países da UE acollerán os migrantes do "Ocean Viking"

Publicado o 23/08/2019 15:37

O buque Audaz da Armada española chegou a primeira hora á illa italiana de Lampedusa, onde está previsto que se faga cargo de quince dos migrantes rescatados polo Open Arms para traelos a España. É o número establecido na repartición inicial da Comisión Europea, en que tamén participan Alemaña, Francia, Luxemburgo e Portugal.

Isabel Celaá, voceira do Goberno en funcións: "Estamos en contacto constante co comandante do barco e esperamos acontecementos. Podemos dicir que aquí non houbo bandazos. O mesmo que fixemos co Aquarius tratamos de facelo con Open Arms".

A fiscalía da Audiencia Nacional investiga a denuncia de Vox, que acusa o Open Arms de banda criminal. A embarción da ONG permanece inmobilizada por graves anomalías de seguridade, segundo a Garda Costeira italiana. Os responsables da organización humanitaria din que as repararán para volver ao mar en canto conclúan as dilixencias da fiscalía siciliana.

E boas novas para o Ocean Viking, o barco de Médicos sen Fronteiras e SOS Mediterráneo con 356 rescatados a bordo. Xa hai acordo para que desembarquen en Malta, pero ningún quedará alí. Trasladaranos a Francia, Alemaña, Irlanda, Luxemburgo, Portugal e Romanía. A noticia chega despois de que os responsables do buque alertaran de que só tiñan comida para cinco días.

Noticias web

23/08/2019