CRTVG

Buscar

O Atlético Guardés fai historia e proclámase Campión da Liga

Publicado o 27/05/2017 20:34

Por primeira vez nos seus 50 anos de vida, o equipo da Guarda faise co título da Liga Loterías tras gañar 27-20 ao Granollers

O Mecalia Atlético Guardés conseguiu facer historia esta tarde. Logrou o título de campión da liga feminina logo de impoñerse no encontro da última xornada ante o Granollers.

27 a 20 foi o resultado final para as galegas, que en ningún momento viron perigar o campionato. O pavillón da Sangriña empurrou ás súas xogadoras, e finalmente chegou a celebración dun título que o balonmán feminino galego non conseguía desde o ano 1962, cando lograra impoñerse o Hípica da Coruña. O Mecalia Atlético Guardés culmina así unha temporada sensacional. Un grande éxito para o noso deporte.

Felicidade desmesurada a que se viviu en A Guarda... As rapazas do Mecalia Atlético Guardés proclamáronse campioas da División de Honra feminina despois de gañar o último partido da liga fronte ao KH-7 Granollers. 

Comezaron o encontro as galegas con máis ansiedade que bo xogo, oportunidade que aproveitou o Granollers para pórse por diante no marcador durante o primeiro cuarto de hora. Pouco máis tardaron as de José Ignacio Prades en soltarse e remontar un marcador que chegaba ao descanso cun quince trece a favor do Mecalia. 

No segundo tempo o Granollers non puido facer nada fronte a un Atlético Guardés que se creceu, e de que maneira, para conseguir o primeiro título de liga da súa historia tan só cinco anos despois de chegar á máxima categoría do balonmán feminino. Un máis ca inesquecible logro para celebrar os cincuenta anos do clube.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/05/2017