CRTVG

Buscar

O Atlético gaña con polémica ante o Leganés

Publicado o 09/03/2019 20:32

O Atlético de Madrid resolveu o seu compromiso antes da Champions cun resultado axustado ante o Leganés no Metropolitano. É certo que puído ser máis amplo o triunfo dos de Simeone visto o acontecido no segundo tempo, pero tamén é verdade que os de Pellegrino teñen motivos de queixa coa arbitraxe de Mateu Lahoz. Na primeira metade, moi pouco que contar. Algo de perigo na portería visitante a balón parado e un máis que posible penalti de Giménez a En Nesyri que non nos chegou neste resumo. No descanso, entraron Saúl e Lemar por Solano e Griezmann e o Atlético comezou a gañar metros. Nunha das primeiras accións da reanudación, Correa foi derrubado por Omeruo dentro da área. A inxenuidade do nixeriano custoulle cara ao seu equipo. Saúl lanzou mal o penalti. Lunin despexou, pero o propio Saúl recolleu o rexeite para facer o un a cero. Era o minuto 50 e o tanto aumentou a confianza dos de Simeone ante un Leganés que pasou moitos minutos sen facer outra cousa que intentar defender. E puído apañar máis goles. O longueiro evitou que Thomas fixera o segundo. O Atlético quería sentenciar o máis rápidamente posible. Lunin tivo traballo. Empregouse a fondo nun lanzamento de falta de Lemar. Desvíou o xusto para que o ferro fixera o resto mantendo vivo aos seus. E resulta que na última xogada do encontro, Mateu Lahoz, moi ben situado, non víu o claro penalti que cometeu Rodri ante José Arnáiz. O verdadeiramente incomprensible é que desde o VAR Martínez Munuera non avisara ao seu compañeiro. Así acababa o choque. Pola mínima e con polémica, o Atlético segue pelexando pola liga.

 

Noticias web

09/03/2019