CRTVG

Buscar

Fernando Torres ergue o seu primeiro título co Atlético de Madrid

Publicado o 17/05/2018 21:46

O Atlético de Madrid acadou onte en Lión a súa terceira Europa League. 3 a 0 sobre o Olympique de Marsella. Os 'colchoeiros' suman un novo título.

Este era o intre en que os dous capitáns, Gabi e Fernando Torres, erguían a Copa. Por fin Torres cumpriu o seu soño. O de erguer un título co club da súa vida, o club do que se vai despedir esta semana. Sexto título na era Simeone, con dous goles de Griezmann, o gran protagonista da final.

Cunha man chea de oficio e sen a mais mínima concesión ao favoritismo o Atlético de Madrid saíu en Lyon a polo partido co manual clásico de Simeone.

O Cholo estaba castigado na bancada pero tiña no campo a un tradutor eficaz, Antoinne Griezmann. Sabe moito francés o francés e, bicho coma un allo, aproveita unha barrida de coiro de Gabi na saída de balón do Marsella; Griezmann busca o man a man con Mandanda e marca. Os marselleses xa estaban perdidos na emboscada atlética e máis ao caer Payet lesionado. Era cousa de tempo que os colchoneiros maceraran o partido nunha 'fondue' de queixo bravo que os galos non dixeriron no bandullo do seu fútbol. Cinco minutos da segunda parte e segundo do Atlético: Presión alta, Koke que arrepaña coiro para servir a Griezmann. Outravolta definición do dianteiro atlético cara a cara co porteiro local Mandanda. Un balón ao pau de Mitroglou cando quedaban dez minutos de contenda foi o mellor do Marsella no seu carnet de baile desta final.

Pouca bagaxe fronte a un Atlético que non perdóa o terceiro. Xogan a bloque os de Simeone, Griezmann combina con Costa, o brasileiro enlaza a Koke e o canteirán cede ao capitán Gabi no posto avanzado do segundo pau. Marca Gabi e Fernando Torres salta ao campo para a despedida.

Esa outra banda para recibir o premio e o aplauso dun público que sempre lle vai recoñecer o mérito de ser un dos que axudou a que aquilo do 'pupas' xa non dea nin para pipas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/05/2018