CRTVG

Buscar

O Athlétic derrota o Barcelona cunha xenialidade de Adúriz

Publicado o 17/08/2019 14:15
O gol do veterano dianteiro chegou a dous minutos do final

Hai futbolistas que non deberían retirarse nunca. Un deles ben podería ser Aritz Adúriz que, na temporada do seu epílogo, semella non querer irse en silencio. Un home que acadou a súa madurez futbolística na trintena, esprime ao máximo a súa lonxevidade deportiva. O seu golazo para abrir o campionato pasará a historia. A execución foi maxestuosa, a transcendencia total. O tanto chegou a dous minutos do final, cando o Barcelona case non tiña poder de reacción.

A posta en escena do campión foi discreta. Padeceu no primeiro tempo, no que o Athlétic gozou de oportunidades. Iñaki Williams atopouse coa estirada de Ter Stegen. Porén, os cataláns puideron ter vantaxe grazas a un monumental erro de Unai López. Luis Suárez atópase contra o poste no que foi para el a última xogada do partido. Lesión no sóleo para o uruguaio que probablemente se perderá a próxima xornada de liga. Entrou Rafinha e, con el, o nivel de xogo do Barcelona medrou exponencialmente. Un bo golpeo seu obsequiou aos asistentes co seegundo pau da noite. Por milímetros, e grazas ao leve toque dun brillante Unai Simón, non chegou o tanto do Barcelona antes do descanso. Na segunda parte, coa entrada de Rakitic, aumentou o dominio dos de Valverde. Rafinha volveu acariñar o gol e tamén Rakitic o tivo cun disparo ao que lle faltou precisión. Cando o 0-0 semellaba seguro, chegou a xenialidade de Adúriz. A falta de Messi, o crack vestía nesta ocasión de branquivermello.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/08/2019