O ascenso dos liberais e dos verdes frea o avance dos partidos ultras en Europa
O resultado das eleccións europeas marca un novo equilibrio político na Eurocámara. Por vez primeira en corenta anos, o Partido Popular Europeo e os socialdemócratas, malia ser as dúas forzas máis votadas, non logran, xuntos, a maioría absoluta no Parlamento. Buscan xa socios para formar grupos. O ascenso dos liberais e dos verdes vailles dar a chave de posibles negociacións. Desde Bruxelas valoran con optimismo a participación histórica e que se lograra conter aos partidos ultras e radicais.
As forzas europeístas conservarían a maioría absoluta no Parlamento Europeo. Os partidos radicais, de extrema dereita ou eurófobos, si que acadan moi bos resultados en Francia, en Italia, no Reino Unido tamén en Polonia ou en Hungría. Pero non acadan a representación necesaria para poder bloquear, xuntos, o funcionamento da Eurocámara.
O partido máis votado foi, de novo, o Grupo Popular Europeo, os Socialdemócratas segunda forza, pero buscan xa aliados para formar grupo porque , sumando socialistas e populares, non chegan á maioría absoluta. Os Liberais, terceira forza na Eurocámara e os Verdes, que son segundos en Alemaña, terceiros en Francia ou cuartos a nivel comunitario, ascenden de xeito moi significativo e acaban co bipartidismo na Eurocámara.
En lectura galega, logran escano directo o popular Francisco Millán Mon e o socialista Nicolás González. Ana Miranda, do BNG, repetiría, en principio, tamén no Parlamento Europeo polo acordo co grupo Agora Repúblicas ocupando, como fixo nesta anterior lexistatura, un escano compartido e temporal.