CRTVG

Buscar

O asaltante dun bar na Estrada zafouse dos gardas por pouco

Publicado o 22/11/2019 13:55

O individuo que a noite do mércores ao xoves asaltou esta cafetería da Estrada tomou o seu tempo nunha acción que empezou tentando varios puntos de entrada ata que decidiu abrir oco pola cristaleira.

Tras enfundar a roupa para non ser recoñecido, e armado cunha pata de cabra, empregou no roubo uns sete minutos. Forzou a máquina comecartos para chegar ao diñeiro e colleu os cartos que había na rexistradora. Mesmo separou billetes para a falchoca e moedas para a mochila.

Javier Rei Iglesias, xerente da cafetería, di que que o ladrón levou "sobre 920 euros que debía haber na máquina comecartos e na rexistradora, sobre 450 euros de cambio. - E fixo moito estrago? - Tirou unha cristaleira. Iso foi o peor. Anda polos 1.000 euros a cristaleira, que é o que máis doe".

Unha veciña avisou do roubo e a Garda Civil chegou case no momento en que o ladrón saía por onde entrara e escapou pola leira lindeira.

Unha vía de fuxida similar utilizou o autor do roubo, a mesma noite, neste negocio de automoción, onde remexeron todo e levaron uns 300 euros en efectivo.

Jacobo González, co-propietario do establecemento: "Nos temos un circuíto de cámaras cara á fronte da nave. Evitaron moverse por aí, polo que non temos gravación do roubo. Entraron pola parte da atrás da parcela, saltaron o cerramento e forzaron a porta de entrada".

O dono da cafetería considera que fai falta unha patrulla nocturna da Policía Local.

Javier Rei Iglesias, o xerente da cafetería asaltada, afirma: "Non podemos estar sen policías locais ás noites. Terán que aumentar o cadro de persoal ou facer algo".

Cos de onte, son polo menos catro os roubos perpetrados na vila da Estrada e proximidades nos últimos cinco días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/11/2019