CRTVG

Buscar

Recoméndase non tocar nin bicar o Apóstolo

Publicado o 09/03/2020 15:45

O arcebispado de Santiago suspendeu o tradicional abrazo ao Apóstolo. A Igrexa xa recomendara evitar xestos como dar a man durante a paz, tamén persignarse con auga bendita ou os momentos de bicar mans e pés de santos. Agora dá un paso máis, e dende hoxe tampouco se vai poder abrazar o Apóstolo, para decepción dos fieis que chegan a Santiago.

Este domingo aínda había quen cumpría co ritual de abrazar o Apóstolo.

"Vaia, eu en concreto non. Tal e como está a cousa. Había quen se achegaba, tocábao un pouco e nada máis", di unha turista.

Pero este luns os que pretendían dar ese abrazo atoparon un escenario diferente.

"Hai seguridade. A xente pasa por detrás, pero non o abraza. A min paréceme ben, son medidas de prevención", conta outra visitante. 

Medida que se suma ás que xa se veñen aplicando, por exemplo, nas pías de auga bendita.

"Está desinfectada e está sen ningunha auga bendita", amósanos frei Manuel García, franciscano.

É a igrexa de San Francisco, en Santiago. É a misa do peregrino, que comeza con recomendacións.

"Na comuñón, comungar coa man", indica o párroco.

"E na paz, mellor facer un xesto".

Moito saúdo coa cabeza. Medidas de prevención que, con todo, a xente parece asumir con paciencia.

"Hai que extremar as medidas de seguridade. Eu véxoo ben".

Momento da paz. Moito xesto, pero tamén algunha aperta.

 

Noticias web

09/03/2020