CRTVG

Buscar

O Arde Lucus celebrarase do 17 ao 20 de xuño, adaptado á situación da pandemia

Publicado o 19/02/2021 18:56

 A XX edición do Arde Lucus, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, terá lugar do 17 ao 20 de xuño, cunha programación adaptada ás medidas sanitarias que poidan estar en vigor nesas datas. Así o trasladou a edil de Mocidade, Ana González Abelleira, nunha reunión coas 19 asociacións de recreación histórica da cidade que colaboran coa organización desta celebración.

Conforme explicou o Concello nun comunicado, esta toma de contacto tivo como obxectivo avanzar datas e repensar as programacións, que se adaptarán ás medidas sanitarias que estean en vigor, a expensas de como evolucione a crise da pandemia. "A nova edición, en que cumpriremos 20 anos debe ser, ante todo, segura", comentou a edil, que sinalou que "o que si chegou para quedar" son as actividades telemáticas.

A este respecto, lembrou que, na última edición, a máis virtual da historia debido á pandemia, conseguiron chegar a máis de 350.000 persoas de todo o continente, con visistas virtuais de países como o Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, A Arxentina, Alemaña, Italia, Francia, Romanía, Colombia ou O Brasil, entre outros.

Ademais, os contidos publicados a través destas canles superaron as 135.000 reaccións en redes sociais como en Facebook, Instagram, Twitter e YouTube. Por último, a concelleira agradeceu a impliación das asociacións ano tras ano para garantir a súa achega na celebración da festa.