CRTVG

Buscar

Os 629 inmigrantes do Aquarius poderían chegar a Valencia o sábado

Publicado o 13/06/2018 15:12

O Aquarius está xa rumbo a Valencia. En principio, está previsto que chegue o sábado a España, aínda que as condicións atmosféricas poderían facer que se atrasase. Hoxe escoitamos membros das dúas ONG que operan no barco. Lamentan ter que desprazarse tan lonxe porque iso significa que non poderán axudar outros migrantes fronte ás costas de Libia, a zona en que máis traballan actualmente.

Estas imaxes difúndeas hoxe a ONG Médicos sen Fronteiras. Son do momento do rescate e dan conta da tensión que se viviu naquel monte.

Hoxe, despois de 48 horas parado, o Aquarius xa está rumbo a Valencia. Quedan no barco agora máis de 200 persoas, as que están en estado máis delicado. As outras viaxan en dous barcos italianos, o Dattilo e o Orione. Prevese que cheguen o sábado a España, pero todo depende do tempo.

As ONG que operan o barco falaron hoxe. Dende Marsella a directora da ONG SOS Mediterráneo denunciaba o silencio "enxordecedor", dixo, da Unión Europea. A mesma denuncia que facían hoxe á Televisión de Galicia dende Médicos sen Fronteiras.

E a tirapuxa entre os distintos gobernos implicados continúa. Hoxe o ministro do Interior italiano dicía que o seu país non se podía ocupar en solitario deste problema e que España aínda tiña unha ampla marxe para exercer a súa solidariedade cos migrantes.

Mentres, en Valencia buscan lugares aptos para acoller os 630 inmigrantes. Unha vez cheguen a porto serán trasladados ás instalacións habilitadas para atendelos. Para os nenos buscarase outro lugar e as embarazadas irán directamente a un hospital.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2018