O Goberno activa un imposto para gravar os envases de plástico e recadar 724 millóns
O Consello de Ministros aprobou hoxe o anteproxecto de Lei de Residuos, que traspón ao ordenamento xurídico español as directivas comunitaria. Apróbase tamén a Estratexia española de economía circular, que se suman ao proxecto de lei de cambio climático.
A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, explicou que deste xeito se pretende loitar contra o inxente volume de residuos xerados a través dun novo modelo de produción e consumo, e adiantou a aprobación dun novo imposto sobre a xeración de residuos.
Na súa loita pola protección do medioambiente, o Goberno prohibirá a partir de 2023 a distribución gratuíta de vasos de plástico dun só uso e de recipientes para alimentos, que se cobrarán ao consumidor.
Entre os plásticos dun só uso que estarán suxeitos á devandita cobranza atópanse os vasos para bebidas, incluídas as súas tapadeiras e tapóns, e os recipientes para alimentos, tales como caixas, con ou sen tapa, destinados ao consumo inmediato, in situ, ou para levar e que normalmente se consomen no propio recipiente.
O texto inclúe que para estes produtos cómpre conseguir unha redución do 50 % na súa comercialización en 2026, con respecto a 2022, e do 70 % en 2030, tamén con respecto a 2022.
Na mesma liña que a normativa europea, o anteproxecto tamén sinala que a partir de xullo de 2021 quedará prohibida a introdución no mercado dunha serie de produtos de plástico dun só uso:
· Bastóns de algodón, agás se entran no ámbito dos produtos sanitarios, cubertos, pratos, pallas e axitadores de bebidas.
· Paus destinados a suxeitar globos, con excepción dos destinados a usos industriais e profesionais.
· Recipientes e vasos para alimentos e bebidas feitos de poliestireno expandido, incluídas as súas tapadeiras e tapóns.
· Outros produtos de plástico fabricado con substancias oxodegradables.
· Cosméticos e deterxentes que conteñan microplásticos engadidos intencionadamente.
En relación ás botellas de plástico, regúlanse obxectivos de recollida separada en dous horizontes: en 2025 débese recoller separadamente o 77 % en peso respecto ao introducido no mercado e aumentarase ao 90 % en 2029.
Esta norma pretende outorgar un papel protagonista ás medidas de prevención de residuos, coa inclusión de obxectivos concretos e cuantificables.
O calendario para reducir o peso dos residuos producidos, que se engade ao vixente do 10 % en 2020, prevé no 2025 unha redución do 13 % e en 2030 dun 15 %, en todos os casos respecto aos xerados en 2010.
Co propósito de diminuír o consumo de envases, as administracións públicas deberán achegar medidas para reducir o consumo de auga embotellada nas súas dependencias con fontes de auga potable e subministración de auga en envases reutilizables, sen prexuízo de que nos centros sanitarios e educativos se comercialicen envases dun só uso.
O sector da hostalería e restauración terá que ofrecer sempre aos consumidores, clientes ou usuarios a posibilidade de consumo de auga non envasada de maneira gratuíta e complementaria á oferta do mesmo establecemento.
No tocante ao resto de residuos, o texto marca obxectivos para fomentar a reutilización e a reciclaxe e fíxa un calendario de implantación para novas recollidas separadas:
· Biorresiduos, cuxo calendario se adianta ao 31 de decembro de 2021 para os municipios de máis de 5.000 habitantes e ao 31 de decembro de 2023 para o resto.
· Téxtiles, aceites de cociña usados e residuos domésticos perigosos, antes do 31 de decembro de 2024.
Para prolongar a vida útil dos produtos e combater a chamada obsolescencia programadados produtos tecnolóxicos, o texto recolle que haberá que fomentar o deseño, a fabricación e o uso de produtos que sexan eficientes no uso de recursos, duradeiros, reparables, reutilizables e actualizables.
Multas de ata 2 millóns de euros por abandonar lixo na natureza
Tirar o lixo no medio será considerado "infracción moi grave", tamén a vertedura e a xestión incontrolada de residuos perigosos e de calquera outro tipo de residuos; neste segundo caso, sempre que se poña en perigo grave a saúde das persoas ou se produza un dano ou deterioración grave para o medio ambiente. Cando non supuxese estes riscos, considerarase infracción grave.
Por último, o texto sinala que tamén será "moi grave" entrar nun territorio nacional con residuos perigosos doutro Estado membro da Unión Europea ou dun país terceiro, e tamén a saída de residuos perigosos cara aos citados lugares sen obter os permisos e autorizacións esixidos pola lexislación comunitaria.
O abandono de lixo poderá carrexar multas de entre 1.000 e 2.000.000 de euros, segundo a súa gravidade.
· Infraccións moi graves: as sancións que prevé o anteproxecto son multas desde 50.001 euros ata 2.000.000 euros, agás se se trata de residuos perigosos; nese caso, a multa poderá ser desde 350.000 euros ata 2.000.000 euros.
· Infraccións graves: desde 1.001 euros ata 50.000 euros agás se se trata de residuos perigosos; nese caso, a multa será desde 10.001 euros ata 350.000 euros.
· Infraccións leves: sancionaranse cunha multa de ata 1.000 euros, que ascenderá ata os 10.000 se se trata de residuos perigosos.