O ano empeza nos ximnasios con poucas matrículas novas
A pandemia modificou ducias de rutinas, entre elas as deportivas. Os que escollían xaneiro como mes para empezar a suar quedaron na casa. "Este ano tan atípico non se notou nada. Acabou o Nadal hai dous días e temos peche perimetral en Santiago", comenta Amador Pumariño, monitor do ximnasio de Sar (Santiago).
Hai menos matrículas novas pero somos máis constantes á hora de facer exercicio. Vacacións, fins de semana e venres pola tarde incluídos. A pandemia fixo que os ximnasios exploraran novos camiños para estar en forma. "Temos cámaras nas aulas e podes seguir as aulas no momento desde a túa casa ou despois, porque quedan gravadas. Iso a verdade está tendo moito éxito", conta Amador.
As medidas están interiorizadas por todos. Puntos de hixiene, distancias de seguridade, semáforos para indicar se unha máquina está desinfectada... Os ximnasios con instalacións máis pequenas tamén aguantan o pulso do virus. "Facemos un control de aforo. Non xuntamos moita xente nunha determinada hora, teñen que desinfectar as máquinas e o uso da máscara é obrigatorio", afirma Lucía Amor, do ximnasio Termópilas Fitness Gym.
Este ximnasio está en Sigüeiro, ás aforas de Santiago. Leva aberto desde xuño e in que unha das medidas que máis lles afectan son os peches perimetrais. Neste 2021 seguirán esforzándose para non perder musculatura.