O alto prezo do gasóleo B preocupa os agricultores da Limia
Publicado o 06/05/2019 14:33
O alto prezo do gasóleo agrícola preocupa os labregos da Limia. Nun ano subiu case un 50%, chegando a case un euro o litro. Isto encarece moito os custos de produción da pataca.
O litro do gasóleo B está na provincia de Ourense hoxe de media a 99 céntimos, son ata vinte céntimos máis que noutras provincias españolas e case o dobre do que custaba aquí hai un ano.
Estes días na Limia están en plena sementeira da pataca, apurando as horas de sol, e non lles chega nin un depósito de gasóleo cheo ao día. Piden axudas á Administración para paliar o incremento dos custos de produción.
Limia é a comarca que máis pataca produce de toda Galicia, máis de cen millóns de quilos cada campaña.