CRTVG

Buscar

O alivio das restricións augura un inverno con máis casos de gripe

Publicado o 09/10/2021 21:32

Na segunda quincena de outubro, coma todos os anos, o Sergas comezará coa vacinación para a gripe. Coa experiencia da campaña da gripe do hemisferio sur, os científicos prevén para este inverno no noso, no hemisferio norte, máis casos e máis mortes que na tempada anterior. O motivo é que o último inverno o uso masivo de máscaras e as distancias frearon o avance da gripe común. 

O reto engadido en todas as comunidades autónomas, e Galicia tamén, estará en algo máis dunha semana en xuntar dúas campañas de vacinación: a da gripe e a da terceira dose de reforzo contra a covid-19.

Mirando cara ao inverno do hemisferio sur, por exemplo, vendo como foi a gripe na Arxentina, algúns científicos prevén aquí máis casos que o inverno pasado. A non ser que continuemos usando masivamente as máscaras que impediron a circulación da gripe hai un ano.

Aínda que algúns inmunólogos non o comparten, outro motivo ao que alude a ciencia é que despois dun ano con poucos casos de gripe a humanidade está menos protexida agora contra ela.

Segundo o Centro Nacional de Epidemioloxía no inverno 2020-2021, 3.900 persoas morreron en España pola gripe. No inverno de 2019-2020, aínda sen declararse a pandemia, as mortes foran case o dobre. 6.300 persoas falecidas pola gripe. Os epidemiólogos teñen claro que as máscaras impediron a circulación do virus.

Noticias web

09/10/2021