Ciudadanos pide que a fiscalía investigue o 'escrache' en Errentería
A Ertzaintza investiga o intento de boicot de simpatizantes abertzales a un mitin de Ciudadanos en Errentería por parte de simpatizantes abertzales. PP e PSOE condenaron os feitos e Podemos cre que o partido de Ribera foi alí provocar para gañar votos fóra do País Vasco. Ciudadanos pídelle á Fiscalía que investigue este incidente e o que sufríu unha candidata do PP na Universidade Autónoma de Barcelona.
O alcalde da localidade, de Bildu, xustifica o escrache. Acusa a Ciudadanos de provocar para sacar rédito electoral fóra de Euskadi, unha opinión que comparten en Podemos.
Ione Belarra, Unidas Podemos: "Creo que o señor Rivera non estaba buscando o voto dos vascos facendo campaña alí, senón que estaba incendiando a convivencia para rascar votos noutros lugares"·
A maioría dos partidos e o Goberno condenaron o sucedido en Errentería.
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno: "A violencia hai que rexeitala sempre, e moito máis desde un partido centenario como o noso que temos experiencia de todo. Non nos parece razoable que isto lle ocorra a ninguén, nin a nós nin aos nosos adversarios políticos.
Albert Rivera asegura que os autores dos incidentes de Errentería son os socios de Pedro Sánchez. Pídelle á Fiscalía que investigue estes feitos e o escrache da semana pasada contra a candidata do PP Cayetana Álvarez de Toledo na Universidade Autonóma de Barcelona. Pablo Casado di que non valen as mensaxes de moderación e pide máis contundencia.
Pablo Casado, Presidente do PP: "A miña pregunta ao Partido Socialista é se quere estar a carón dos partidos que aplauden a violencia ou se vai anunciar xa medidas contundentes para evitalo e para que nós deixemos de ser increpados".
Casado propón ilegalizar os partidos políticos que alenten a violencia.
Álvarez de Toledo
Tamén seguen os ecos do intento de boicot á número un do PP por Barcelona, durante un acto na Universidade Autónoma. Cayetana Álvarez de Toledo cre que esa protesta, ducias de estudantes intentando evitar a súa entrada ao edificio, é só un exemplo da falta de pluralidade que hai en Cataluña. Asegura que é urxente o rescate democrático da comunidade.
Incidentes en Valladolid
Incidentes en Valladolid durante a celebración dunha procesión. Os confrades dunha irmandade foron increpados cando volvían á súa sede por un grupo de persoas congregadas para celebrar o aniversario da República. Segundo a confraría, varios dos seus membros foron empuxados e quedaron feridos, polo que valoran presentar unha denuncia.