CRTVG

Buscar

O alcalde de Fene abandona o PP, pero non a alcaldía, tras triplicar a taxa de alcoholemia

Publicado o 26/11/2019 16:07
O alcalde de Fene abandona o PP, pero non a alcaldía, tras triplicar a taxa de alcoholemia
O alcalde de Fene Gumersindo Galego, anunciou este martes a súa renuncia á militancia no PP tras ser condenado o 12 de novembro a 244 días de retirada do carné de conducir e 600 euros de multa ao triplicar a taxa de alcoholemia nun control no municipio. Con todo, confirmou a Efe que prevé manterse como rexedor nun Goberno que lidera en solitario e en minoría a súa formación. Ante esta noticia, os grupos da oposición destacaron que analizarán este martes a situación política na localidade.
 
Galego foi interceptado tras abandonar a sede da súa agrupación na xornada de eleccións xerais do pasado 10 de novembro, na que admite que inxeriu "algo" tras concluír o percorrido polos colexios feneses. Mostrouse "arrepentido e apesarado" por este feito, que tachou de "algo imprevisto" e sobre o cal apostilou que viaxaba en vehículo coa súa esposa.

O alcalde de Fene informou que pediu a baixa no PP con data do pasado 18 de novembro e apuntou que a "alcaldía se mantén". "Así o farei, os meus actos non deben prexudicar o partido", declarou o rexedor fenés, que observou que se debe "aos máis de 2.400 veciños" que o elixiron.