CRTVG

Buscar

O aeroporto de Madrid suspende a súa actividade polo temporal de neve

Publicado o 09/01/2021 09:41
O aeroporto de Madrid suspende a súa actividade polo temporal de neve

As históricas nevadas que deixa a borrasca Filomena desde este xoves en boa parte de España provocaron, ademais de numerosos cortes de estradas, cancelacións e atrasos nos trens e suspensións de voos e ligazóns marítimas, o peche do aeroporto de Madrid e o peche en varios tramos das autovías de circunvalación da capital.

Aínda que as nevadas máis intensas se prevían, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) durante a madrugada, os servizos de transporte, en especial por estrada e ferrocarril, xa se viron afectados polas precipitacións e os fortes refachos de vento que está a deixar a borrasca, que percorre España de sur a norte e prevese continúe activa ata o vindeiro luns.

Madrid é unha das comunidades máis afectadas polos efectos da borrasca, que deixou cantidades de neve pouco habituais. Aena decidiu paralizar desde primeiras horas da noite as operacións no aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas debido ás malas condicións das pistas e de visibilidade e despois de que se comezara a aplicar o procedemento de desvío de voos.

Segundo explicaron fontes do xestor aeroportuario, vai seguir traballando na limpeza das pistas do aeroporto, para volver operar en canto melloren as condicións meteorolóxicas. A Comunidade de Madrid, que se atopa en alerta vermella e laranxa por nevadas, permanece desde primeiras horas da tarde pechada ao tráfico de camións e vehículos articulados.

Renfe suspende todos os trens con orixe e destino Madrid

Renfe suspendeu todos os seus trens con destino ou saída cara a Madrid, tanto de media coma longa distancia. A medida tamén se estende aos servizos de proximidade da Comunidade. 

A gran cantidade de neve obrigou mesmo a cortar algúns puntos das autovías de circunvalación e accesos á capital. O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, explicou en declaracións en TVE que hai cortes na A-3, A-4 e M-40 e que é obrigatorio o uso de cadeas na A-42, A-5, A-2 e A-6. Ademais houbo embotellamentos por coches detidos na M-30.

Todos os túneles urbanos da capital permanecen pechados pola acumulación de neve, o Concello informou da anulación dos parquímetros e o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida, avisou de que "previsiblemente a partir das dez da noite será necesario circular con cadeas polas rúas da cidade".

Ao longo de toda a xeografía española repetíronse os cortes de estradas, os chamamentos das autoridades para evitar desprazamentos innecesarios e a suspensión de numerosas actividades, entre elas as deportivas.

En Castela-A Mancha, unha das rexións máis afectadas polas nevadas, atópanse cortadas máis dun centenar de estradas tanto da rede principal coma da secundaria, e cinco están pechadas totalmente na secundaria, catro na provincia de Cidade Real e outra en Toledo, en cuxa capital foi necesario o uso de cadeas no centro urbano. A capital toledana pediu axuda á Unidade Militar de Emerxencias (UME) para volver poñer en marcha o transporte urbano, practicamente paralizado pola nevada.

En Andalucía producíronse cortes de estrada por neve e xeo e un pai e o seu fillo menor de idade foron trasladados ao hospital Punta Europa de Alxeciras (Cádiz) tras sufriren feridas de consideración ao caer sobre eles un muro. Ademais, suspendeuse o tráfico de camións en Xaén en sentido Madrid polo temporal e condicionou a apertura da estación de Sierra Nevada, que ofrece só catro quilómetros esquiables polos fortes refachos de vento.

En Aragón, na provincia de Teruel suspendéronse as clases en trece colexios e o mercadio ambulante do sábado; mentres o Concello de Teruel ofreceu aloxamento ás persoas sen fogar no albergue de transeúntes.

Na Rioxa atópanse pechados varios portos de montaña. En Asturias, a Aemet informou do risco de aludes nos Picos de Europa, que será máis intensos na fin de semana e poden provocar avalanchas co perigo para persoas e vehículos.

Nas Canarias, o temporal de precipitacións e vento provocou o peche de estradas de acceso ao Teide pola Orotava e A Esperanza; así mesmo o desprendemento de rochas e terra deixou nos últimos días un centenar de incidencias na illa de Gran Canaria e nas últimas horas provocou o peche de tres estradas.

En Cantabria atópanse pechados tres portos pola neve. En Cataluña, o Govern pediu restrinxir ao máximo a mobilidade durante a fin de semana e que non se saia de casa se non é "indispensable e inaprazable", ante a previsión dun temporal "severo" de neve, vento e moito mar, polo que se prohibirá a circulación de camións de máis de 7,5 toneladas.

As fortes nevadas e a acumulación "excesiva" de neve ao longo da liña de alta velocidade Madrid-Cuenca-Valencia obrigou a Renfe a suprimir os catro últimos servizos deste venres. Renfe estableceu ademais limitacións de velocidade nas liñas de alta velocidade que unen Madrid con Sevilla, Málaga, Valencia, Alacant e Barcelona, pola borrasca Filomena, o que pode levar a demoras superiores aos quince minutos, segundo informou a operadora en Twitter.

No Estreito, onde hai aviso laranxa por forte ondada, quedaron suspendidas as saídas de barcos entre os portos de Ceuta e Alxeciras debido aos fortes refachos de vento na zona, que superan os 35 quilómetros por hora.

Ante o anuncio de nevadas máis intensas nas próximas horas as autoridades tanto locais, como autonómicas e estatais dispuxeron dispositivos especiais con quitaneves, toneladas de sal e servizos de emerxencias e rescate.

O Ministerio de Transportes dispuxo 1.305 máquinas quitaneves e 221.508 toneladas de fundentes para facer fronte ás nevadas en Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Rexión de Murcia.

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, asegurou que hai "suficientes medios" e ademais "funcionaron". "Non nos pillou por sorpresa, estaban claras as previsións e eu diría que se montou o dispositivo máis importante da historia neste sentido", sinalou en declaracións a Antena 3. Ábalos insistiu en que se eviten os desprazamentos innecesarios.