O administrador xudicial solicitará o preconcurso de acredores na planta de Alu Ibérica da Coruña

EP
O administrador xudicial expuxo ao comité de empresa da planta de Alu Ibérica na Coruña a necesidade de solicitar, preventivamente, o preconcurso de acredores ao Xulgado do Mercantil desta cidade. Segundo informa o comité, así se lles trasladou alegando, como motivo, "as execucións de débeda que están a chegar contra a empresa". A medida busca "protexer o patrimonio da empresa ante posibles embargos por estas execucións que pon en risco a continuidade da planta e así minimizar o impacto para a súa saída desta situación".
O comité de empresa cualifica de "extremadamente preocupante e crítico" o contexto en que está a fábrica e esixe que "en liña do acordado na última reunión co Ministerio de Industria, Xunta de Galicia e o administrador xudicial, se convoque de urxencia a mesa polo futuro das plantas de Alu Ibérica". Tamén expoñen que se incorporen á devandita mesa os ministerios de Transición Ecolóxica e de Traballo.
"A nosa situación é a consecuencia da inacción e desidia das administracións para parar os graves incumprimentos e presuntos delitos cando hai xa dous anos empezamos a denunciar publicamente o engano e estafa a que estabamos a ser sometidos". "Por un acordo de ERE e venda das plantas que as administracións avalaron e practicamente apadriñaron como solución ao non ter a valentía de pararlle os pés a Alcoa no seu momento", argumenta o comité que sostén que se permitiu "esnaquizar un sector estratéxico como a produción de aluminio primario" en España. Ante a actual situación, manifestan que esperan que os representantes das administracións "cumpran coas súas responsabilidades e as súas promesas".