CRTVG

Buscar

O Adif vai analizar as causas da fochanca no aparcadoiro da estación de tren de Vilagarcía

Publicado o 24/06/2019 14:56

O colapso duns 10 metros cadrados de pavimento no aparcadoiro da estación de tren de Vilagarcía obrigou a trasladar dous vehículos ante o risco de que sufrisen danos. A Policía Local precintou a zona e o Adif vai analizar o desprendemento para comprobar se hai perigo no resto do terreo.

O burato obrigou a pechar 10 prazas de estacionamento do aparcadoiro da estación de tren de Vilagarcía, que adoita estar cheo. O pavimento colapsou na media noite do venres e deixou unha fochanca duns dez metros cadrados de superficie e dous de profundidade. Polo momento, descoñécense as causas. Hai quen vincula o suceso cunha tapa de sumidoiro que hai xusto ao lado do burato.

O Adif é o organismo que xestiona a parcela. Nos próximos días, os técnicos van facer catas para analizar o desprendemento e saber se existe risco noutras zonas do terreo. Despois, tomarase a decisión correspondente para arranxar o burato.

A Policía Local de Vilagarcía e Protección Civil acordoaron a zona. Dous coches que estaban na zona foron evacuados ante o risco de que caeran no foxo e sufriran máis danos.

O novo recinto da estación de tren de Vilagarcía inaugurouse en outubro de 2016 con 92 prazas gratuítas. Agora, dous anos e medio despois, terá que ser arranxado de novo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019