CRTVG

Buscar

O acusado do triplo crime de Valga contratara un bruxo para matar a muller

Publicado o 03/03/2020 21:41

Non só preparou o crime durante meses. Jose Luis Abet mesmo chegou a contratar un bruxo para que matase a ex-muller cun feitizo. Así o revelan o contido do seu móbil e as testemuñas que declararon ata o momento na instrución do caso.

Segundo os datos do sumario, o pasado 16 de setembro, Abet chegou ás sete e media á casa familiar de Carracido. A súa ex-muller, Sandra, tiña os nenos no coche para deixalos na casa dos avós e que llos levaran á escola.

Só lle deu tempo a chamar a nai por teléfono para que pedise socorro. Despois, el disparoulle diante dos cativos e marchou do lugar.

No camiño de volta el cruzouse coa ex-sogra e a ex-cuñada. As dúas mulleres ían protexer a Sandra. Pero cando chegaron á casa xa a atoparon morta. El deu volta co coche e chegou á casa detrás delas. Disparoulles 8 tiros.

Despois de matalas mandoulle unha mensaxe de voz ao bruxo que contratara para matar a familia política con artes de maxia. O home pedíralle máis diñeiro para sacrificar un camelo. Abet díxolle entón: "Acabouse, amigo, mateinas ás tres e non fixo falta camelo ningún".

O móbil está cheo de vídeos que probarían a premeditación do crime. Gravacións en que o investigado xa anuncia as súas intencións de matar a ex-muller.

Durante a instrución declararon tamén os traballadores do 112 que recibiron a chamada de auxilio da irmá de Sandra mentres ía camiño da casa. Falaron ademais os axentes que estiveron no levantamento dos cadáveres e varios veciños que oíron os disparos e viron o ir e vir dos coches.

A investigación do xulgado número 2 de Caldas, continúa.

 

Noticias web

03/03/2020