O parricida de Sárdoma volve ao lugar do crime para reconstruír os feitos
O único acusado do crime confeso do octoxenario de Sárdoma e fillo da vítima saíu esta mañá de prisión para poder levar a cabo a reconstrución dos feitos.
Esta dilixencia, pouco habitual, responde á solicitude da Fiscalía para poder esclarecer algunhas lagoas da investigación. Cinco meses despois dos feitos, o único acusado volve á casa familiar e ao Pontillón, lugar onde apareceu o corpo, para reproducir con exactitude o que puido pasar ese 27 de decembro.
O presunto homicida, o fillo menor da vítima, saía este venres de prisión para prestar declaración nos xulgados de Vigo. Posteriormente, o autor confeso deste crime de Sárdoma foi ao lugar dos feitos para poder levar a cabo a reconstrución deste tráxico suceso que se producía o 27 de decembro do ano pasado.
Esta dilixencia, que non é habitual, realizarase en varios escenarios reais. Por un lado, a casa familiar onde supostamente se cometeu o crime e posteriormente o lugar onde foi atopado por un veciño doce días despois o cadáver. Foi aquí, a uns 600 metros da vivenda, nunha zona boscosa coñecida como O Pontillón. O seu corpo, envolto en trapos e bolsas, presentaba varios golpes na cabeza que foron asestados por unha arma tipo machete.
Esta dilixencia, solicitada pola Fiscalía, será gravada en vídeo para que quede constancia na causa. O que se busca arestora é reproducir de maneira artificial os feitos que se investigan para coñecer coa maior exactitude como se produciu o crime e intentar esclarecer algunhas dúbidas existentes.
Esta recreación contará coa presenza, ademais do acusado, do xuíz, a letrada da Administración de Xustiza, o avogado defensor, o fiscal e axentes da Policía Nacional.