CRTVG

Buscar

O acusado do triplo crime de Valga sométese ás probas de ADN no xulgado de Caldas

Publicado o 17/09/2020 10:00

Arredor das 10 e vinte da mañá o furgón que trasladaba a José Luís Abet desde o cárcere da Lama chegaba aos xulgados de Caldas para extraerlle, ante a xuíza que instrúe o caso do triplo crime de Valga, unha mostra do seu ADN. A Audiencia Provincial de Pontevedra ordenou que se realizara aquí, mesmo co uso da forza en caso de ser necesario, despois de que Abet se negara a que lle practicaran esta proba na prisión de León, onde permanece desde que, o 16 de setembro de 2019, acabou coa vida da súa exparella, a irmá e a nai dela.

O avogado de Abet, Manuel Franco, explicou que a proba "realizouse sen ningún tipo de oposición" e que agora realizaranse as análises. Engadiu que esta proba "quixoi facerse pola forza en Leóna través do forense e José Luis negouse, compareceron as forzas de seguridade pero non se opuxo para nada".

Así que menos dunha hora despois de entrar, Abet era conducido de novo cara á Lama, desde onde volverá á prisión de León. Segundo o seu avogado, a instrución está preto de rematar despois desta proba.

"Agora non quedan probas, non sei se estarán realizando o tema da arma, pero o principal está resolto", segundo Franco.
A orixe da arma, con todo, pode ser clave para determinar o veredicto deste caso. Abet dirixiuse con ela á vivenda da súa exmuller Sandra Boquete e, diante dos dous fillos pequenos que tiñan en común, disparoulle ata acabar coa súa vida. Tras marchar do lugar, volveu para matar tamén a irmá de Sandra, Alba Boquete, e a nai delas, María Elena Jamardo.

Abet está, en palabras do seu avogado -"estiven falando media hora con el"- ben, "perfectamente, sen ningún tipo de problema".
A defensa de Abet, que recoñeceu os feitos, non desvela cal será a súa estratexia na vista oral ante o xurado popular que se designe. En calquera caso, asegura que tentará demostrar que o sucedido aquel día en Valga non é tal e como conta o Ministerio fiscal. Mentres tanto, os dous fillos pequenos de Abet e Sandra Boquete están baixo a tutela da Xunta, ao coidado do seu avó materno. A avoa paterna demanda a titoría dos pequenos, que será decidida noutro procedemento civil.
 

Noticias web

17/09/2020