CRTVG

Buscar

O acusado do crime de Ana Enjamio di que non a matou

Publicado o 09/12/2019 19:28

• Asegura que mantiña con ela "unha relación intermitente"

Primeira xornada do xuízo polo asasinato de Ana Enjamio. O acusado do crime, César Adrio, declarou esta tarde. Fíxoo moi tranquilo, mesmo con seguridade. E respondeu as preguntas de todas as partes. Nega que cometese o asasinato ou que acosase a Ana Enjamio. Tamén dixo que nunca utilizara aplicacións móbiles para controlala.

Adrio dixo que mantiña unha relación intermitente coa moza, que a quería e que mesmo intentou suicidarse cando soubo que estaba morta.

César Adrio declarou durante dúas horas con xesto tranquilo. Dixo que a noite do crime el estaba no grupo de Ana Enjamio, que mesmo estiveron xuntos un anaco. Despois acompañaron unha compañeira que estaba bébeda e el retirouse. Di que se atopaba mal e que sentou nun banco. Alí, asegura, roubáronlle a chaqueta. Despois foi á casa dos pais, tomou algo e, como non conseguía durmir, foi a Vilagarcía ver os fillos. Estaba alí cando o chamou a policía. Nega que tivese que nada que ver co crime. 

Di que tiña unha relación intermitente con ela. E recoñeceu, incluso, que lle enviou fotos ao noivo de Ana, pero di que foi por erro e que só quería que ela se indispuxese co seu mozo. Na sala do xuízo exhíbese un par de zapatos e unha chaqueta que, supostamente, levaba postos na cea. Pero el di que lle entregou outra peza de roupa á policía por medo a que o inculpasen.

Segundo o fiscal, Ana Enjamio cortara unha relación con Adrio e, dende entón, el acosábaa continuamente, mesmo usaba aplicacións para controlar o teléfono da moza. Na cea de Nadal da empresa, agardouna no portal da casa e acoitelouna.

A Fiscalía solicita para el 27 anos de cárcere polos delitos de asasinato con asañamento e aleivosía e acoso. Unha pena que eleva a máis de trinta anos a acusación particular.