O acusado de matar un home en Betanzos alega que o fixo para defenderse
Piden de 13 a 20 anos de cárcere para un home acusado de matar a coiteladas outro durante unha pelexa. Os feitos ocorreron en Betanzos, en 2018. O acusado dixo hoxe ante o xuíz que actuou en defensa propia.
Na primeira sesión do xuízo dixo que non foi el quen empezou a liorta e que só actuou para defenderse.
"Agrediume. Despois intentou agredirme outra vez e eu defendinme. Nesa defensa, saco unha navalla e crávolla de fronte".
O acoitelado morreu no acto e o acusado fuxiu. 10 días despois entregouse á Garda Civil en Andalucía e deulles a arma do crime.
O fiscal pide para el 13 anos de cárcere e unha indemnización de máis de 80.000 euros. A defensa di que o home consumira alcol e pide a súa absolución.
Manuel Ferreiro, avogado da defensa: "Foi unha pelexa en que o meu defendido empregou unha navalla, pero non tiña intención de matar".
Pola contra, a acusación particular di que si tiña intención de matar e pide para o acusado 20 anos de cárcere por asasinato.
Víctor Bouzas, avogado da acusación particular: "Hai un asasinato e unha intención. E xa había ameazas anteriores".
O xuízo, con xurado popular, prolongarase ata o xoves.