O acusado de matar a seu cuñado en Bergantiños declarará cando se coñeza o informe da autopsia
O home que matou o seu cuñado en Cabana de Bergantiños está en liberdade e agarda no seu domicilio a citación da xuíza para prestar declaración. A titular do Xulgado número 2 de Carballo aprazou o interrogatorio ata coñecer os resultados da autopsia. A investigación está baixo segredo sumarial.
O detido, José Rodríguez Martínez, de 81 anos, investigado pola morte do seu cuñado, José Calviño, de 83, compareceu este xoves no xulgado de Carballo para prestar declaración. Pero a xuíza decidiu aprazar o interrogatorio porque antes quere coñecer os resultados da autopsia. O exame forense aclarará as circunstancias da morte da vítima deste suceso. De momento, o sospeitoso contou a súa versión no cuartel da Garda Civil de Carballo. Dixo que actuou para evitar que o seu cuñado matase a súa irmá e tamén a el.
O sospeitoso golpeuno na cabeza, supostamente, cunha barra de ferro que lle causou a morte no momento. Cando chegaron os equipos de emerxencia non puideron facer nada. O detido pasou as horas seguintes no cuartel, pero a última hora do mércores regresou ao domicilio familiar de Corcoesto.