CRTVG

Buscar

O acusado de matar a súa nai en Foz pasa a súa primeira noite nun centro de menores

Publicado o 06/11/2019 12:52

O mozo que presuntamente matou a súa nai en Foz xa está internado nun centro de menores en réxime pechado e baixo tutela da Xunta de Galicia. Segundo a lei, podería permanecer un máximo de nove meses sen saír do centro, aínda que pode recibir visitas e efectuar chamadas. Pasado ese tempo, deberá celebrarse o xuízo polo asasinato de Minaene Franco e podería cumprir unha condena máxima de oito anos.

Por outra banda, o concello de Foz xa contactou cos xulgados de Viveiro para axilizar os trámites que lles permitan aos familiares da falecida desprazarse dende O Brasil ata A Mariña e facerse cargo do cadáver. O Concello mantivo conversas coas parroquias e os tanatorios de Foz por se fose preciso soterrar a muller nalgún cemiterio do municipio. Con todo, as amigas de Minaene e a comunidade brasileira da Mariña insisten en que o corpo debe ser trasladado ao país suramericano.

"Trouxemos flores para honrala e que descanse en paz. E estamos tratando de traer os familiares e que o consulado se esforce para repatriala ao Brasil".

Nas últimas horas transcenderon informacións que apuntan a que o corpo de Minaene Franco foi atopado polos efectivos da Garda Civil no interior dunha maleta dentro dun armario da súa vivenda, se ben no inmoble había numerosos restos de sangue e mesmo o coitelo de grandes dimensións co que se puido producir o asasinato. En todo caso, haberá que agardar ata que se coñezan os resultados da autopsia e a declaración do presunto parricida perante a fiscalía de menores.

Onte á noite celebrouse unha nova concentración de condena en Foz.

Noticias web

06/11/2019