CRTVG

Buscar

O acusado de matar a súa muller no Carballiño: "Estou arrepentido"

Publicado o 08/07/2019 14:27

O acusado de matar a súa muller, José Alén, respondeu só as preguntas do seu avogado. Nun primeiro momento dixo non lembrarse do acontecido o 29 de xaneiro do 2017 na casa en que o matrimonio vivía no Carballiño para minutos despois dicir que estaba arrepentido.

Un xurado popular xulgará a José Alén. A Fiscalía solicita para el un máximo de 14 anos de internamento nun centro psiquiátrico penitenciario e a absolución polo o seu estado mental. Segundo o seu escrito, o home, que padece unha demencia con alteracións da conduta, asfixiou a Virginia Ferrarás, coa que levaba casado 35 anos, nunha discusión porque ela non lle deixaba as chaves para saír da casa. Ese día o matrimonio quedara en ir comer coa familia. Como non apareceron nin atendían as chamadas, os familiares avisaron os servizos de emerxencia, cando conseguiron entrar a Garda Civil e os bombeiros por unha ventá, e como relataron hoxe no xuízo, atoparon a muller morta axeonllada coa cabeza apoiada na cama, e noutro cuarto estaba José Alén semiespido, coa camiseta chea de sangue e cun coitelo, intentando fuxir e repetindo "eu non fixen nada".

A acusación particular que representa a familia da muller reclama 15 anos de prisión por homicidio. A defensa pide a libre absolución.

Días antes do presunto homicidio, o acusado empoleirárase durante cinco horas no tellado da casa. Xa con anterioridade estivera ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense por graves alteracións, e era a súa muller a que o coidaba dende que un ano antes viñeran de Suíza, a onde emigraran. O xuízo continúa mañá.
 

Noticias web

08/07/2019