CRTVG

Buscar

O acusado de intentar matar a súa parella en Sober acepta unha condena de 2 anos de cárcere

Publicado o 22/01/2019 13:28

Un veciño de Sober foi condenado a dous anos de prisión por tentativa de homicidio. No xuízo recoñeceu que no transcurso dunha discusión lle pegara un tiro no abdome á súa parella cunha escopeta. Nun principio, a fiscalía solicitaba cinco anos de prisión, pero reduciu a condena por dilacións indebidas. Ademais, o agresor aceptou cederlle á vítima a súa vivenda e mais o 40 % da súa pensión de xeito vitalicio. 

Durante unha discusión no domicilio familiar, este veciño de Sober, de 70 anos, pegoulle un tiro no abdome á súa parella cunha escopeta. Os feitos ocorreron en febreiro de 2013, na parroquia de Proendos, en presenza da filla da vítima, menor de idade. Segundo declarou no xuízo, o agresor confeso cría que a arma estaba descargada. Como consecuencia do suceso, a muller sufriu diversas lesións no peito e no ventre e estivo hospitalizada durante 120 días.

César Lodos, avogado da defensa: "Houbo unha pequena discusión, destas cousas que empezas de broma e acabas en serio. El sempre pensou que esa escopeta estaba descargada. Tecnicamente, era algo de adorno que nunca se usara e non había intención de usala para nada. E o que non se sospeitaba era que había dous cartuchos dentro."

Tras o suceso, o autor do disparo estivo ingresado en prisión provisional durante un ano e medio e cedeulle á vítima a propiedade da súa vivenda e máis o 40 por cento da súa pensión, que ascende a 820 euros. Nun principio, a fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo pedía o cumprimento dunha pena de cinco anos de cadea, pero reduciu a petición a dous anos por dilacións indebidas. Pola súa parte, o agresor recoñeceu os feitos e aceptou a condena.

Pilar Baños, avogada da acusación particular: "Estamos de acordo coa sentenza, sobre todo porque o procesado dende o primeiro momento intentou resarcir o dano provocado. Unha vez que se producen os feitos, el axuda a vítima de forma activa para que non faleza. Iso é algo que ha terse en conta no momento da sentenza. Ademais, estivo en prisión preventiva 18 meses. Polas circunstancias familiares, a situación do procesado e a súa idade, entendemos que é bo o acordo ao que chegamos."

Ademais, o agresor deberá permanecer afastado da vítima a unha distancia mínima de 500 metros durante catro anos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2019