CRTVG

Buscar

O acusado de atracar catro bancos na Coruña di que o confunden con outra persoa

Publicado o 28/01/2020 14:29

O acusado, de nacionalidade húngara, negou todos os feitos polos que é investigado. Na súa breve declaración recoñeceu que os días en que se cometeron os catro roubos con intimidación na Coruña el estaba de permiso penitenciario. Asegurou que el non entrou en ningún deses bancos e que non tiña pistola. A explicación que deu foi que o verdadeiro autor dos feitos debe ter un gran parecido con el.

Porén, unha das empregadas desta sucursal de Caixa Rural, situada na céntrica rúa de Francisco Mariño, volveuno identificar esta mañá como a persoa que o 8 de xuño de 2018 entrou na oficina en que traballa. Ela e mais o seu compañeiro explicaron que o atraco durou arredor de 4 minutos e que en ningún momento deixou de apuntalos cunha pistola. Esixíalles os cartos da caixa forte. Porén eles explicáronlle que tardaba dez minutos en abrir, pero que podían darlle un total de 9.000 euros do dispensador de billetes. Un cliente, que viu todo desde fóra, chamou a policía, pero cando chegaron os axentes o home xa fuxira co botín.

A Fiscalía investígao, amais, por outros tres asaltos en entidades bancarias da cidade, actuando do mesmo xeito. Acúsao de apropiarse de case 23.000 euros e pide para el unha condena de 26 anos de cadea e a devolución dos cartos.

O xuízo continúa mañá coa declaración de máis testemuñas e as conclusións finais das partes.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2020