CRTVG

Buscar

O acusado de abusar dunha menor en Narón en 2017 declárase inocente

Publicado o 23/09/2019 16:32

Iovanis asegurou que é inocente e que todo aconteceu no Entroido, despois dunha noite de troula pero de xeito consentido. Asegurou que en ningún momento procedeu con violencia e que mesmo coidou da vítima debido ao seu estado polo consumo de alcol.

A menor asegurou na súa comparecencia que non ser lembraba de boa parte da noite e que tiña lagoas nas súas lembranzas. Afirmou que o acusado non a deixara marchar e que, malia non saber o que acontecera, estaba desgustada e que se sentiu intimidada.

A fiscala asegura no escrito de acusación que sobre as nove da mañá do día dos 27 febreiro de hai dous anos, o procesado atopouse, nas inmediacións dun pub Boa Lúa cunha moza de 17 anos, coa que estableceu conversa. A menor saíra toda a noite cos seus amigos e consumira unha importante cantidade de alcol, polo que tiña minguadas as súas facultades de entendemento e vontade. Consciente dese estado e de que quedara soa porque os seus amigos xa marcharan, o acusado levouna a un descampado que había nas proximidades e púxose encima dela, facéndolle tocamentos. Segundo a Fiscalía, a pesar de que a menor lle pediu que parase, o home continuou cos abusos sexuais. A menor foi localizada catro horas despois por uns amigos en compañía do acusado e levárona a casa e despois ao hospital de Ferrol, en que recibiu asistencia. A vítima sufriu pequenas erosións nas costas e unha rabuñadura nun pulso, ademais de presentar un trastorno de estrés postraumático. Necesitou asistencia sanitaria nas feridas, curando aos 90 días, e aínda segue a tratamento psicolóxico.

O procesado é un mozo de nacionalidade venezolana e enfróntase á petición de seis anos de prisión, dos que terá que cumprir catro en España e a súa posterior expulsión do territorio español, ademais de indemnizar a vítima cun máximo de 53.000 euros que é o que pide a acusación particular.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019