CRTVG

Buscar

O acusado de abusar da sobriña da súa parella agarda sentenza

Publicado o 04/12/2019 14:47

Na Coruña quedou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de abusar e intentar agredir sexualmente a sobriña da súa parella cando tiña oito anos.

Nesta xornada, os psicólogos que examinaron a menor explicaron que no seu relato non atoparon contradicións, polo que determinaron que o que estaba contando é compatible con algo que si puido vivir. Engadiron, amais, que a suposta vítima presentaba un trastorno de estrés agudo que foi provocado por un trauma. E concluíron que non hai ningún tipo de indicador que faga pensar que a denuncia da cativa estivo dirixida pola súa nai ou terceiras persoas, como así o manifestou na xornada de onte o propio acusado.

Tras escoitar estas declaracións, as partes elevaron a definitivas as súas peticións. A fiscalía mantén os 19 anos de cadea para o investigado. Os mesmos que a acusación particular, malia que pide outros dez meses máis por un delito de exhibicionismo e provocación sexual por, supostamente, amosarlle á irmá da vítima imaxes de contido sexual.
A defensa solicita a libre absolución.

Noticias web

04/12/2019