"O acordo fala de derrogar a reforma laboral, e iso vai facer o Goberno e esta ministra"
• "Buscamos chegar a un salario mínimo do 60 por cento do salario medio ao final da lexislatura e imos cumprir"
• "O estatuto das electrointensivas sairá nestes días no Consello de Ministros"
• "O que me gustaría que me dixesen é que traballei polo meu país"
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, falou este luns nunha entrevista no Bos días dos seus primeiros días á fronte do Ministerio, "é unha enorme responsabilidade, están sendo moi intensos".
"Cando me dixeron que ía ser ministra, resistinme. Non é calquera carteira, os ollos miran para esta responsabilidades, hai retos enormes, a desigualdade é insoportable. Son consciente da enorme responsabilidade. Pensei na xente que loitou pola democracia e que visen despois de 80 anos primeiro Goberno de coalición", asegurou Yolanda Díaz.
Respecto ás súas responsabilidades á fronte de Traballo dixo: "Síntome cómoda nesta materia, é a miña vida, a miña formación, é a vida da xente falsos autónomos, de mulleres precarias, a vida da xente. É un reto apaixonante despois de moitos anos derivas e de austeridade".
"É certo que mudaron as cousas. A propia Comisión Europea é consciente de que temos que facer dúas actuacións: incrementar os salarios, principalmente a través do salario mínimo, e tamén o esgotamento da política monetraria", dixo Yolanda Díaz respecto da conxuntura en que lle toca asumir o Ministerio.
Unha das cuestións das que máis se está a falar é sobre o salario mínimo: "A suba do SMI do 22 por cento tivo efectos positivos na economía, incrementou a demanda interna e a recadación da Seguridade Social", dixo Díaz, defendendo que haberá máis actuacións nese sentido. "Estase a falar de afectación a dous sectores: o traballo doméstico e no mundo agrario por conta allea, pero o núcleo central do mercado de traballo non se ve afectado pola suba do SMI. Non hai ningún informe económico que diga que ten afectación no emprego".
Nese sentido asegurou que "o obxectivo é que se chegue a un SMI do 60 por cento do salario medio. Son consciente de que a suba do 22% foi moi relevante, pero se miramos a outros países xa nos gustaría estar na senda doutros europeos. Buscamos chegar ao 60 por cento ao final da lexislatura e nese camiño imos cumprir, traballando cos axentes sociais".
Esas reformas teranse que facer nun contexto de menor crecemento económico, pero iso é algo que non debe condicionar as políticas do Goberno segundo a ministra de Traballo: "Temos unha previsión de crecemento a un ritmo menor, e o que temos que facer é incitar a economía, subir os salarios e que haxa máis consumo. O que garante esta ministra é que por fin todo se vai facer con diálogo social".
Derrogar a reforma laboral
"O acordo de goberno fala en cinco ocasións de derrogar a reforma laboral, e iso é o que vai facer o Goberno e esta ministra", dixo Yolanda Díaz, quen avanzou cal será o primeiro aspecto que se derrogue: "Un dos aspectos máis dramáticos da reforma laboral do Partido Popular, e que coñecen ben os traballadores e traballadoras, que é os que están sendo despedidos por que teñen unha baixa médica xustificada. Isto xa está listo e imos derrogar o artigo que permite eses despedimentos. Será con carácter de urxencia porque hai unha vulneración dos dereitos fundamentais".
E explicou como se fará esa derrogación: "Haberá dúas fases: unha primeira de derrogación inmediata de certos aspectos que permiten unha certa desigualdade entre a parte empresarial e os traballadores e traballadores; e na segunda fase os elementos centrais da reforma laboral do PP, que teñen que ver coa contratación, coas causas que permiten a precariedade actual".
"E todo isto unha vez derrogados estes aspectos traballaremos para ter un novo Estatuto dos Traballadores do século XXI", dixo Yolanda Díaz, que defende políticas económicas expansivas: "O que está pasando é que España segue medrando, e por enriba da media europea, aínda que a ritmo menor, e tardamos máis en saír da crise polas políticas de austeridade, polo que necesitamos máis que nunca investimento público, xerando emprego e de calidade".
"Agora que son ministra sigo pensando o mesmo sobre as políticas que temos que facer para mudar o país, e creo que se poden facer cousas diferentes. Creo que hai marxes na contorna europea para cambiar estas políticas".
En canto a asuntos que teñen que ver con Galicia, Yolanda Díaz dixo que "o estatuto das electrointensivas sairá nestes días no Consello de Ministros. Necesitamos arranxar canto antes o prezo da enerxía para estas empresas. A ministra Maroto asegura que en cuestión de días haberá estatuto".
E con respecto á AP-9 afirmou que "é un acordo respaldado por unanimidade da cámara galega, e ten que saír con urxencia. Debe ser tramitado nas primeiras sesión do Congreso".
Ademais, dixo que ía "traballar para que haxa renovación na Xunta de Galicia", ao respecto das próximas eleccións galegas.
Yolanda Díaz concluíu dicindo: "O que me gustaría que me dixesen [cando finalice a miña etapa no Ministerio] é que traballei polo meu país e que serviu para mellorar a vida da xente".