CRTVG

Buscar

O abuso das pantallas aumenta a miopía na infancia

Publicado o 10/10/2019 21:36

É un problema coñecido, pero non só non se frea, senón que vai a máis. A miopía afecta cada vez máis nenos e mozos e a idades máis temperás. A causa téñena, unhas seis horas ao día, diante dos ollos.

O óptico Alexander Dubra di que cinco ou seis horas ao día mirando o móbil é "case tanto como durmindo, moitísimo tempo, e o noso sistema visual non está preparado para iso".

Non o está, porque bioloxicamente o noso sistema de enfoque capacita os ollos para que poidan ver, sen esforzo, a unha distancia a partir de catro metros. Todo o que estea máis preto require un sobreesforzo se o queremos ver con nitidez.

"Se dedicamos moitas horas ao día a realizar ese esforzo, podemos incentivar que os ollos se volvan miopes precisamente para non ter que realizar tanto esforzo de enfoque, sacrificando visión afastada", explica Dubra.

E iso exactamente é o que constatan nas ópticas: polo móbil, os nenos e as nenas sacrifican a capacidade de ver de lonxe e fanse miopes. A solución, de caixón: menos horas de pantalla, nunca mirala ás escuras e sempre co menor brillo posible.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019