CRTVG

Buscar

O 94,6% dos militantes de ERC piden que se rexeite a investidura se non hai mesa de negociación

Publicado o 25/11/2019 20:58

As bases de Esquerra Republicana avalan por amplísima maioría rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se non hai unha mesa de negociación entre a Generalitat e o Goberno. A dirección do partido acaba de facer públicos os resultados da consulta interna que fixeron durante todo o día. O si impúxose por un 94,6 por cento e só un 5,4 por cento dos que votaron están en contra de que se rexeite a investidura se non hai esa posibilidade de negociar. Na consulta participou un 70 por cento da militancia de Esquerra.

ERC mantense nas súas esixencias e pídelle ao PSOE que mova ficha

A mensaxe de Esquerra Republicana é clara. Apoiarán a investidura de Sánchez se a mesa de negociación vai adiante e se cumpren as súas esixencias. Agora, din, é o PSOE o que ten que moverse.

Marta Vilalta, ER: "A mesa de negociación para poder falar de todo entre iguais, entre gobernos, cun calendario e con garantías de cumprimento. Polo tanto, a pelota está no tellado do PSOE e de Pedro Sánchez".

Desde Junts per Cataluña incrementan a presión: queren, ademais, que encabezando as negociacións estean Torra, Puigdemont e Junqueras, e que haxa un mediador.

Laura Borrás, JxC: "Engadimos a necesidade dun medidador internacional para que se produza esa mesa de negociación".

Os socialistas non se manifestaron aínda sobre estas condicións. Esta semana reuniranse os equipos negociadores do PSOE e de Esquerra para ver se é posible un acordo.

Carmen Calvo, PSOE: "Imos esperar a que Esquerra acabe a súa consulta e estean en disposición de axudar na investidura".

Yolanda Díaz, Unidas Podemos: "Creo que imos ben, son optimista, pero creo que a discreción tamén é parte do éxito do proceso".

Mentres tanto vanse coñecendo os resultados das consultas internas sobre o pacto entre o PSOE e Unidas Podemos. Ao igual que os socialistas, os militantes de Esquerda Unida tamén o avalaron. Os de Podemos aínda están votando, poden facelo ata o mércores.
 












 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/11/2019