CRTVG

Buscar

O 8-M entra na precampaña

Publicado o 05/03/2019 11:15

Mitin de Pedro Sánchez en Granada, con reproches para PP e Ciudadanos por pactar con Vox, o partido, dixo, que preconiza a volta atrás nos dereitos das mulleres.

Pedro Sánchez. PSOE: "Aqueles que fan listaxes negras aos traballadores e traballadoras públicas que loitan congra a violencia de xénero, e a aqueles que branquean aos que fan as listas negras ímoslles dicir o 8-M que hai millóns de españois e españolas que queren unha España en igualdade e que erradique dunha vez a violencia de xénero. Esa é a España que vai gañar o 28 de abril: a que vai saír manifestarse o 8 de marzo".

Casado esgrimiu o Pacto de Estado asinado o ano pasado para dicir que non recibe leccións de feminismo. Di que nunca foron partidarios das cotas, pero que iso non foi óbice para que fose do PP a primera presidenta das Cortes en España.

Pablo Casado, PP: "E por iso nós pedimos que haxa un Pacto de Estado para acabar coa fenda salarial en España. E pídeo o partido que lanzou, liderou e conseguiu o primeiro pacto contra a violencia de xénero en España. Polo tanto, non aceptamos leccións da esquerda".

Irene Montero amouse convencida que a próxima líder de Podemos será unha muller e critica a torpeza da proposta de Ciudadanos.

Irene Montero, Podemos: "Pareceume moi torpe o xesto de Ciudadanos de querer inventar un novo feminismo a 4 días do 8 de marzo, cando está todo o movemento feminista organizando a folga. Non. Hai cousas que son política pero que os partidos políticos temos que asumir que non lideramos nós. O 8 de marzo é máis política que moitas cousas que se falan non Congreso, pero hai que asumir que son as mulleres as que o están liderando".

O partido de Rivera, que o ano pasado non se sumou á folga feminista por considerala anticapitalista, anuncia que haberá cargos do partido na manifestación do venres.

Albert Rivera, Ciudadanos: "Anúnciolles que Ciudadanos secunda e apoia esa manifestación do 8-M. A Executiva Nacional estará presente, temos que decidir todas as persoas que participarán, conselleiros, conselleiras, cargos deste partido estarán presentes, porque, como dixemos onte, nese acto de Feminismo Liberal a igualdade entre homes e mulleres non é unha guerra de sexos, é unha causa de todos".

Mensaxes dos partidos políticos na semana dun 8 de marzo, en plena precampaña e cun barómetro do CIS indicando que son mulleres o 60 por cento dos votantes indecisos.

Noticias web

05/03/2019