CRTVG

Buscar

Galicia xa administrou preto de 600.000 doses de vacinas contra a covid−19

Publicado o 07/04/2021 20:05

• Vacinados o 87 % dos maiores de 80 anos en Galicia; o 2,63 % rexeitou ser inmunizado

Segundo os últimos datos do Sergas, o 87 por cento dos maiores de 80 anos de Galicia xa teñen posta a vacina, ben as dúas doses ou ben a primeira. Hai un 2 por cento dese grupo de idade que rexeitou inmunizarse e outro 8 por cento que non puido poñer a vacina no seu momento porque non se podían desprazar.

En poucos días, Sanidade volverá contactar con eles para buscar unha solución. "Daremos a opción de iren ao centro de saúde se poden facelo, e se non poden, vacinarémolos no propio domicilio", avanzou o conselleiro Julio García Comesaña.

A prioridade da Xunta é seguir vacinando a poboación de maior idade de Galicia. Durante estes días a campaña céntrase nos que teñen 60 e 65 anos e nos de 75 a 79. Está previsto vacinar 145.000 persoas desas idades ata o domingo."A ver se nos vacinamos todos canto antes e acabamos con isto". "Chamáronme onte e foi chegar e bicar o santo".

Queda pendente a franxa de 65 a 75 anos. Non hai data concreta aínda para vacinalos. "Depende das vacinas que nos cheguen. Se nos van chegando ao ritmo desexado, vacinaremos ese grupo enseguida".

Sanidade tamén agarda a chegada da vacina de Jansen, que só require unha dose, para vacinar os mariñeiros. E asegura que segue adiante co certificado de vacinación, malia as críticas do Goberno central.

Noticias web

07/04/2021