CRTVG

Buscar

O 80 % dos convocados participan nos cribados de Xinzo e Ribadavia

Publicado o 15/11/2020 22:07

Foron 848 os veciños e veciñas de Xinzo de Limia de entre 25 e 55 anos que acudiron á cita no pavillón de deportes convocados polo Sergas para facer unha proba PCR. É un 81,5 por cento das 1.040 persoas convocadas para participar nun cribado poboacional aleatorio.

O aumento da incidencia acumulada en Xinzo nos últimos sete días, con 22 novos casos positivos, elevou a preocupación nas autoridades sanitarias, nas municipais e tamén entre a veciñanza.

O resultado das probas vai permitir detectar persoas asintomáticas e coñecer mellor a realidade epidemiolóxica do municipio. O mesmo ca en Ribadavia, onde tamén se realizou outro cribado aleatorio en que participaron 481 persoas, o 80 % das citadas.

Con 58 casos activos, catro menos ca o sábado, Ribadavia agora tamén con máis restricións sociais, baixou ao nivel laranxa de alerta. Xinzo mantense polo de agora no nivel vermello, con 71 casos activos, dous menos.

O obxectivo nestes concellos é cortar a cadea de transmisión do virus para rebaixar os contaxios.

Noticias web

15/11/2020