O 70 por cento dos adultos da Unión Europea xa están totalmente vacinados

EFE
A Unión Europea logrou o obxectivo de administrar a pauta completa da vacina contra a covid-19 ao 70 por cento da súa poboación adulta antes do final de verán, segundo informou este martes a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.
"O 70 % dos adultos da UE están completamente vacinados. Quero agradecer ás moitas persoas que fixeron posible este gran logro. Pero debemos ir máis aló. Temos que vacinar máis europeos. E temos que axudar o resto do mundo a vacinar. Seguiremos apoiando os nosos socios", escribiu na rede social Twitter.
70% of adults in EU are fully vaccinated.
— Ursula von der Leyen (@vonderleyen) August 31, 2021
I want to thank the many people making this great achievement possible.
But we must go further!
We need more Europeans to vaccinate. And we need to help the rest of the world vaccinate, too.
We'll continue supporting our partners. pic.twitter.com/VxdvZlrwYv
A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, celebrou que se trata dun "importante fito" nos esforzos para acabar coa pandemia, pero insistiu tamén en que haberá que continuar vacinando, loitando contra a desinformación sobre este tema e seguindo as medidas de saúde pública.
"Non podemos parar aquí. As novas variantes fan necesario que vaiamos máis aló do 70 % para estar seguros. Temos que ir un paso por diante. Temos que abordar con urxencia a preocupante brecha de vacinación entre os nosos estados membros e estar listos para despregar vacinas de reforzo se a evidencia científica mostra que este é o camiño para seguir", dixo nunha declaración difundida polo seu gabinete.
Entre os países que superan esas cifras do 70 por cento da poboación adulta vacinada está España, con máis do 76 por cento. Non obstante, o Goberno situou inicialmente ese umbral do 70 por cento para conseguir a inmunidade de rabaño no total da poboación do Estado. Esa cifra, atendendo á evolución da vacinación podería alcanzarse este martes.
En calquera caso, segundo foi avanzando o proceso de vacinación, as autoridades sanitarias xa advertiron de que ese 70 por cento non sería suficiente para poder alcanzar esa inmunidade colectiva que permitise afirmar que a pandemia está controlada. Así, instaron a vacinar o máximo número de persoas posibles, e incluso situaron a cifra óptima por enriba do 90 por cento da poboación total.