CRTVG

Buscar

O 70 % dos galegos que mudaron de casa foron para zonas rurais

Publicado o 25/08/2021 21:13

As estatísticas de poboación reflicten que a pandemia animou a volta ao rural. O 70 % dos cambios de residencia que houbo o ano pasado foron a concellos de menos de 50.000 habitantes.

En Ourense, o 80 por cento dos concellos deixaron un saldo migratorio positivo en 2020. Os mellores datos foron no Pereiro de Aguiar, que sumou 227 veciños no ano da pandemia. No polo oposto, a cidade, que perdeu 100 habitantes máis dos que recibiu.

Alfonso saúdanos desde o balcón da súa nova vivenda en Santa Baia. Debaixo, o restaurante que rexenta coa súa muller desde que volveron de Barcelona, o ano pasado. Alí, botaba ata dúas horas para chegar ao traballo. "Aquí, en media hora dúchome, baixo e xa está aberto o restaurante", ri.

Malia as dificultades que a pandemia supuxo para o seu negocio, o balance, din, é positivo. "Gañamos en moitos aspectos. Alí era estresante. Erguíaste pola mañá e xa estabas a cen", comenta a súa muller, Maite, que regresou ao Pereiro de Aguiar tras 22 anos en Barcelona.

No Pereiro de Aguiar, concello lindeiro coa cidade de Ourense e cun polígono empresarial que lle dá traballo a 2.000 persoas, levan experimentado un crecemento de poboación desde o ano 2000, pero acelerouse coa pandemia.

Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar: "Moita xente que tiña aquí a segunda residencia decidiu que fose a primeira. E xente que á hora de vir traballar e dedicir se queda en Ourense ou vén ao Pereiro, aposta polo urbanismo do Pereiro, de casa unifamiliar".

Todas as cidades galegas, menos Santiago e Pontevedra, presentaron un saldo migratorio negativo no 2020. O 70 por cento dos galegos que mudaron de casa o ano pasado fixérono a concellos de menos 50.000 habitantes.

"Aquí, hai uns anos, só había xente maior. Pero agora xa veu xente, xa preparou casas, mercou casas...", di un veciño.

En Ourense, só 12 concellos perderon máis xente da que chegou, entre eles, a cidade.

Noticias web

25/08/2021