CRTVG

Buscar

Optimismo no sector turístico galego tras un agosto que superou as expectativas

Publicado o 05/09/2021 21:31

O sector turístico galego recibe setembro con optimismo. Os establecementos hoteleiros abertos acércanse a niveis de ocupación de antes da pandemia ou mesmo superiores nalgúns puntos do país. Á espera dos datos definitivos, a directora xeral Nava Castro confirma que agosto superou todas as expectativas.

"A mariña de Lugo, A Ribeira Sacra, a Costa da Morte, O Salnés, Sanxenxo falan xa dun cento por cento de ocupación, un noventa por cento de ocupación (...) Os resultados están a dicir que somos unha das comunidades que mellor comportamento temos e que estamos por riba da media nacional un 20 por cento", asegura a responsable de turismo do Goberno galego.

Semella que nin a quinta vaga nin o tempo inestable deron apedrado a temporada turística por excelencia. Os aeroportos galegos sumaron este domingo máis de 250 conexións aéreas.

"Fixemos un anaco da ruta dos faros e foi marabilloso, moi bonito e duro". "Buscamos sitios con pouca xente, estivemos nunhas cabanas e en Santiago nun hotel pequeniño". "Fixemos o Camiño de Santiago; o próximo ano volvemos", comentan varios visitantes.

E entre os que aterraron, moitos que volven á casa.

"Ao chegar tiven que facer unha proba PCR, e agora para volver, co certificado de vacinación chegou", di un pasaxeiro.

Ter completada a pauta de vacinación facilita viaxar dende España a boa parte dos destinos turísticos, pero hai países que piden máis requisitos.

"Sobre todo no Reino Unido; eles andan sen máscara, non teñen ningún tipo de restrición e pedíronnos cinco ou seis probas de coronavirus que tivemos que ir facendo", afirma un mozo.

Nos meses de xuño e xullo os tres aeroportos sumaron case 600.000 pasaxeiros.

Noticias web

05/09/2021