O 5,2% dos españois, e só o 1,9% dos galegos, teñen anticorpos
Os últimos datos do estudo de seroprevalencia en España elaborado polo Ministerio de Sanidade xunto ao Instituto de Saúde Carlos III, o Instituto Nacional de Estatística e a colaboración das comunidades autónomas, conclúe que o 5,2 % da poboación española superou a covid-19 e presenta, polo tanto, anticorpos.
Estudáronse en tres ondas 68.296 persoas de todas as idades, comunidades e provincias. Ademais, 54.858 participaron nas tres ondas. Así mesmo, practicáronse 196.661 tests e recolléronse 174.306 mostras de sangue.
"É un estudo único no mundo e así foi recoñecido polo ámbito científico e por organismos internacionais de saúde pública", indicou a directora do Instituto de Saúde Carlos III, Raquel Yotti.
Pola súa banda, a directora do Centro Nacional de Epidemioloxía, Marina Pollán, informou que entre os profesionais sanitarios, tanto os que traballan en centros sanitarios como en residencias, a taxa de prevalencia de anticorpos é do 10 %. Ademais, "o uso de máscaras incrementouse durante as semanas do estudo", apuntou Marina Pollán.
No tocante ás fortalezas do estudo, a directora xeral do Instituto Carlos III, Raquel Yoti, sinalou a representatividade poboacional, unha alta taxa de participación nos últimos dous meses que indica a "xenerosidade da cidadanía española", a posibilidade de calcular os niveis de anticorpos en rangos de idade extremos (bebés e anciáns) ou o emprego simultáneo de dous tests.
A directora do Centro Nacional de Epidemioloxía explica que "é moi difícil conseguir a inmunidade de rabaño. Nun país tan castigado como España, este estudo pon de manifesto que estamos moi lonxe de conseguir isto".
En Galicia aínda hai menos poboación con anticorpos, só o 1,9 por cento. Lonxe do 11,4 de Madrid ou do 9,6 de Castela-A Mancha. Os investigadores descubriron que da primeira á terceira fase do estudo, no 14 por cento dos casos os anticorpos desapareceron. Por iso os responsables de Sanidade insisten na necesidade de non baixar a garda, tampouco os que pasaron a enfermidade.
Lembran que cumprir as recomendacións de hixiene e distanciamento social é imprescindible para todos.