CRTVG

Buscar

O 49 % dos españois é partidario de facer obrigatoria a vacina contra a covid-19

Publicado o 15/10/2021 13:47
O 49 % dos españois é partidario de facer obrigatoria a vacina contra a covid-19
EFE

O 48,9 % dos españois cre que habería que obrigar a todos a vacinarse ante o risco de contaxio de coronavirus, segundo revela o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de outubro, e que supón 1,5 puntos máis que en setembro cando o 47,4 % se descantaba pola vacinación obrigatoria.

Fronte a este 48,9 por cento, un 24,6 % considera que non habería que obrigar a ninguén a vacinarse, un 23 % contesta que "depende dos casos" e un 3,1 % non sabe ou dúbida.

Entre os que condicionan a vacinación a segundo que casos, o 63,7 % estaría a favor de vacinar o persoal sanitario, o que traballa en residencias de maiores e aqueles que teñen relacións profesionais directas co público en xeral, fronte a un 30,8 % que cre que non e un 4,6 % que non sabe ou dúbida.

Respecto a medidas concretas de control da pandemia, o 65,9 % é partidario de "continuar como estamos", mentres que un 20,2 % considera conveniente tomar "medidas máis esixentes".

Sobre o uso obrigatorio de máscara en interiores, o 66,2 % decántase por continuar como estamos e o 30,2 % é favorable a manter a máscara só en espazos de interior.

Un 66,2 % tamén pide seguir igual en protocolos de seguridade de transporte, actividades turísticas e na esixencia de pasaporte covid.

Mentres, un 28,2 % preferiría reforzar a seguridade no transporte público, un 26,2 % no turismo e un 25,2 % no pasaporte covid-19.

Para un 81,1 % dos enquisados o peor pasou xa mentres que un 5,8 % considera que "o peor está por chegar" e un 5,3 %, máis pesimista, opina que "seguimos no peor momento".

Noticias web

15/10/2021