CRTVG

Buscar

O 35% dos cultivos para alimentación humana dependen da polinización

Publicado o 20/05/2019 21:38

O 35% dos cultivos para alimentación humana dependen da polinización que realizan as abellas. Por iso, é esencial a loita contra as ameazas que sofre o insecto e que son principalmente depredadores como a 'velutina', parasitos como a varroa, o uso de insecticidas industriais ou o cambio climático. 2018 foi un ano negro para a produción de mel en Galicia debido, precisamente, á chuvia e á falta de calor nos momentos en que se produce. Os expertos sinalan que o respecto polo medio ambiente é fundamental para garantir a pervivencia das abellas.

Marcos Varela, apicultor: "As abellas necesitan unha contorna biodiversa para poder desenvolver máis efectivamente o seu labor de polinización. O cambio climático non axuda".

Amparo Ferreira, investigadora da USC: "Agora reduciuse algo a mortaldade de abellas, pero non podemos baixar a garda porque os problemas poden volver ou aparecen outros novos".

Os expertos animan a aumentar o número de colmeas polo potencial que ten Galicia para a produción de mel, pole, propole ou xalea real. Tamén advirten dos riscos de consumir mel procedente de países asiáticos, por moi barato que sexa, porque nin a súa calidade é a mesma nin se pode garantir que estea libre de aditivos.

Noticias web

20/05/2019